Thursday 02 de May de 2024

A fase previa do VII Santiago(é)Tapas mostra o gran nivel entre as tapas do concurso gastronómico da capital de Galicia


O concurso desenvolverase do 14 ao 30 de novembro e nel participarán máis de 65 establecementos

O Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas da capital de Galicia, que se celebrará entre o venres 14 e o domingo 30 de novembro de 2014, vive a súa fase previa.

Os distintos establecementos hostaleiros de Compostela que aspiran a entrar no concurso presentan as súas propostas, ata 3, a un equipo de preselección, que é o encargado de asegurar a súa calidade e adecuación aos criterios do concurso.

Esta fase previa busca a excelencia dun concurso e, ata o momento, as tapas presentadas permiten avistar que o nivel é moi alto.

A sétima edición do Santiago(e)Tapas espertou unha grande expectación no sector e son numerosos os locais que entran por primeira vez no certame. Malia que as cifras aínda non están pechadas superaranse os 65 participantes dos que, polo menos, 10 se estrearán.

Dende o 14 ao 30 de novembro os clientes decidirán que tapas son as súas favoritas votando nas urnas situadas nos distintos establecementos participantes e poderán aspirar a distintos premios selando o seu tapasporte, a pequena e carismática “biblia” do concurso. As tapas terán un prezo común de 2 euros.

Ademais, a través da interacción nas redes sociais twitter@santiagoetapas e facebook.com/santiagoetapas, os internautas poderán optar a ser parte do xurado do concurso.

Santiago(é)Tapas 2014, unha cita consolidada entre os concursos gastronómicos

Santiago(é)Tapas é unha referencia a nivel estatal e galego nas citas deste tipo, por traxectoria, modelo e prestixio dende o 2008. Este será o seu sétimo concurso, no conxunto dos seis anteriores vendéronse máis de 170.000 creacións; de feito, a organización aspira a que neste 2014 se alcance a cifra global de 200.000 tapas servidas.

Na edición do 2013 servíronse 37.000 tapas nos 66 establecementos hostaleiros que ofreceron 109 creacións. Ademais, 10 locais de hostalaría nocturna ofreceron combinados especiais dentro da oferta complementaria denominada Santiago(é)Noite.

Será unha nova ocasión para percorrer distintas (é)tapas pola cidade, tanto na súa zona nova como vella, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura na que sempre se descobren novos sabores e ambientes.